lunes, 26 de noviembre de 2012

FUTURO IMPERFECTO


Iniciamos o Clube de Lectura dos maiores (Bacharelato) coa obra Futuro Imperfecto de Xulia Alonso Díaz. Vida e literatura ás veces camiñan á par. Iso acontece neste libro, no que Xulia Alonso narra a historia máis importante da súa vida: a do seu amor por Nico e a da experiencia da súa perda. Durante as décadas de 1980 e 1990, moitos mozos descubriron simultaneamente o amor e a droga. As consecuencias desa vivencia marcáronos para sempre, a algúns de xeito dramático. Este libro é un reencontro con ese tempo, coa súa presenza proxectada no futuro. Un futuro que xa non pode ser perfecto mais é esperanzado.
No seguinte enlace podedes atopar unha boa crítica dunha obra dura pero necesaria para recordar un tempo no que toda unha xeración desapareceu levada pola droga.
O primeiro libro de Xulia Alonso Díaz, resultou gañador da XVII edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente en lingua galega. Os outros finalistas foran Denso recendo a salgado, de Manuel Portas, e Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes. Organizado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, o Premio está dotado con 9.000 euros e recoñece a mellor novela do ano en cada modalidade, elixida por alumnos de Bacharelato deste e doutros catro institutos galegos. A edición deste ano contou ademais cun instituto portugués e outro de Madrid.

lunes, 19 de noviembre de 2012

XOELIQUI



O libro escollido para iniciar o clube de lectura no primeiro ciclo da ESO é Xoeliki. Un neno de once anos que xoga ós videoxogos e pasa moito tempo só na casa porque a nai traballa todo o día e o pai morreu hai uns anos. A vida do neno é monótona e rutineira ata que un día recibe un paquete sorpresa que lle cambiará a vida para sempre. 

O deseño gráfico do libro, editado por Soutelo Branco, recorda moito o manga xaponés.

lunes, 12 de noviembre de 2012

OS FILLOS DO MAR

Hoxe queremos recomendar un texto que está acadando un gran éxito de público e crítica entre os lectores galegos. Trátase da novela de aventura Os fillos do mar de Pedro Feijoo.
Simón Varela é un mediocre arquitecto residente en Vigo. Un día recibe unha chamada dunha señora da alta sociedade viguesa, Isabel Llobet, para que lle faga unha reforma nunha fonte da súa propiedade, nun pazo de Canido. Aos poucos días de comezar a reforma, Simón atopa un cofre pechado. Simultaneamente, a señora, xa maior, morre en estrañas circunstancias. A partir de aquí, o arquitecto vese involucrado nunha intrigante trama na que tamén parece estar envolta a familia da muller morta. Novela de aventuras, novela de intriga, escrita con ton humorístico, a acción de Os fillos do mar condúcenos detalladamente a través do Vigo de hoxe, cidade que en boa medida protagoniza tamén a novela. Ao tempo, a trama cóbrese cun atractivo pano histórico que nos conduce ata 1702, na Batalla de Rande, aínda que deixa tamén os seus elos na Guerra Civil española e nos tempos do nazismo alemán. Os fillos do mar é unha novela trepidante, que viaxa constantemente no tempo para atopar as claves dun presente que o protagonista precisa desvelar.



domingo, 11 de noviembre de 2012

CONTOS


Atopamos unha curiosa páxina onde os protagonistas son os contos. Relatos interactivos  para os máis pequenos, e tamén para os nenos grandes, nos que podemos participar activamente e pasar bos momentos recordando esas historias que todos escoitamos de nenos.


lunes, 5 de noviembre de 2012

ABRIR AQUÍ

Para usuarios despistados. A primeira regra abrilo.


DONDE LOS ÁRBOLES CANTAN


Laura Gallego (Valencia 1977) obtivo este ano o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil pola súa máxica obra Donde los árboles cantan, pola sua beleza queremos recomendala dende a biblioteca.
Viana, a única filla do duque de Rocagrís, está prometida ao novo Robian de Castelmar desde que ambos eran nenos. Os dous ámanse e casarán na primavera. Con todo, durante os festexos do solsticio de inverno, un arisco montaraz advirte ao rei de Nortia e os seus cabaleiros da ameaza dos bárbaros das estepas... e tanto Robian como o duque ven  obrigados a marchar á guerra. En tales circunstancias, unha doncela como Viana non pode facer outra cousa que esperar o seu regreso... e, talvez, prestar atención ás lendas que se contan sobre o Gran Bosque... o lugar onde as árbores cantan.