lunes, 29 de octubre de 2012

DÍA DAS BIBLIOTECAS



O pasado día 24 de Outubro celebrouse o días das Bibliotecas, seguindo o exemplo da Páxina das Bibliotecas Escolares parécenos moi boa idea facer referencia a unha escolma de libros que tendo como protagonistas aos mesmos e as bibliotecas recompilou a Biblioteca Civicam de Pamplona. Harry Potter estaría abraiado rapaces!!!.

domingo, 28 de octubre de 2012

DUBLINÉS



Astiberri Ediciones é unha editorial vasca centrada na novela gráfica. Este ano está de noraboa pola publicación dunha novela gráfica de Alfonso Zapico centrada na vida de James Joyce na que percorre os momentos, conversacións, penurias e aventuras coas que se foi construíndo unha das grandes figuras do século XX e pola que gañou o Premio Nacional do Cómic 2012, promovido polo Ministerio de Cultura.
Cun arduo traballo de documentación e de plasmación en viñetas, este relato salpicado de múltiples anécdotas, é ademais unha cativadora viaxe en tren por aquelas cidades –Dublín, Trieste, París e Zúric– polas que foi deixando o seu rastro de vida este irlandés universal. 

Na páxina da editorial podemos atopar fondos de escritorio relacionados coas novelas publicadas e en fin cos libros, son alucinantes. Picade aquí e escollede animando a vosa pantalla!!!.

martes, 23 de octubre de 2012

NADA DE JANNE TELLER


O libro "Nada" da escritora danesa Janne Teller, rexeitado nun principio polas editoriais por ser demasiado raro, para logo chegar a ser lectura recomendada en colexios en Escandinavia e gañar diversos premios prestixiosos, chega por fin a España, publicado por Seix Barral.
Tras dez anos de polémica nos países europeos, a autora nórdica de orixe austro-alemán, Janne Teller, sentese moi ilusionada pola chegada do libro a España, pero tamén -di- "moi preparada" para as posibles reaccións ou críticas que poida ter, como explicou ela mesma nunha entrevista con Efe.
A novela relata a historia do mozo Pierre Anthon, que un día se dá conta de que nada realmente importa na vida; e, por tanto, non merece a pena facer nada. Entón sóbese a unha ameixeira, desde onde lanza mensaxes desafiantes aos seus compañeiros de clase sobre as razóns polas que, segundo el, nada importa.
Tanto desmoraliza aos seus compañeiros, que estes deciden reunir obxectos esenciais co fin de demostrarlle que hai cousas que dan sentido á existencia. No seu reto arriscarán parte de si mesmos e descubrirán que só ao perder algo se aprecia o seu valor

lunes, 22 de octubre de 2012

SAMAÍN

Achégase o Samaín e queremos recomendar algunhas lecturas que podedes atopar na biblioteca para pasar medo. Moitas foron levadas ó cine con éxito, precisamente estes días temos en carteleira unha peli de animación que recorda moito a outra gran novela de terror. Cal rapaces?.

 

miércoles, 17 de octubre de 2012

NENOS

Porque a lectura é un dereito. Porque todos temos dereito a ser nenos. Imaxes para soñar lendo dende todos os lugares do mundo.




FONTE

lunes, 15 de octubre de 2012

SORGO VERMELLO

Mo Yan é o pseudónimo de Guan Moye que significa non fales.  Mo yan, nado en 1955 en Shandong, China é o novo premio Nobel de literatura. Moi novo alistouse no exército popular e comezou a escribir as súas obras que en xeral foron ben recibidas polo réxime comunista. Comparado con Kafka ou García Márquez no seu realismo máxico de corte oriental a súa obra é pouco coñecida en España.  Quedámonos, de momento, coa adaptación cinematográfica da súa novela Sorgo Vermello  levada ó cine polo gran Zhang Yimou.

jueves, 11 de octubre de 2012

BUSCAS MOZA?


SAL CUNHA MOZA QUE NON LE
Sal cunha moza que non le. Atópaa no medio dun bar. Atópaa no medio do fume, da suor e das luces multicolores dunha discoteca de luxo. Onde a atopes, descúbrea sorrindo e asegúrate de que o sorriso permaneza mesmo cando quites a mirada. Catívaa con palabras pouco sentimentais; usa as típicas frases de conquista e ri para os teus adentros. Sácaa á rúa cando os bares e as discotecas den por concluída a velada; ignora o peso da fatiga. Bícaa baixo a choiva e deixa que a tenue luz dun farol da rúa vos alumee,  así como ocorre nas películas. Fai un comentario sobre o pouco significado que todo iso ten. (Charles Warnke)


SAL CUNHA MOZA QUE LE
Sal con alguén que se gasta todo o seu diñeiro en libros e non en roupa, e que ten problemas de espazo no armario porque comprou demasiados. Convida a saír a unha moza que ten unha lista de libros por ler e que desde os doce anos tivo un carnet de subscrición a unha biblioteca.
Sal cunha moza que le porque o mereces. Meréces unha muller capaz de darche a vida máis colorida que poidas imaxinar. Se só tes para darlle monotonía, horas trilladas e propostas a medio cociñar, virache mellor estar só. Pero se queres o mundo e os mundos que hai máis aló, convida a saír a unha moza que le.
Ou mellor aínda, a unha que escriba. (Rosemarie Urquico)

miércoles, 10 de octubre de 2012

NUNCA É TARDE

Queremos recomendar dous textos para os alumnos de Bacharelato que teñen en común a protagonistas pouco comúns nas novelas de aventuras e viaxes iniciáticos: anciáns. El insólito peregrinaje de Harold Fry de Rachel Joyce e El abuelo que saltó por la ventana y se largó de Jonas Jonasson, editados por Salamandra.
No primeiro, unha mañá calquera, mentres a súa muller pasa o aspirador no piso de arriba, Harold Fry sae de casa para botar unha carta á caixa de correos. Recentemente xubilado, Harold está lonxe de imaxinar que acaba de iniciar unha viaxe a pé dun extremo a outro do país. Non leva calzado nin roupa adecuada, nin sequera un teléfono móbil, e moito menos un mapa ou un compás. Para que levalos?. Tan só vai á caixa de correos da esquina para responder á misiva dunha vella amiga.
No segundo, momentos antes de que empece a pomposa celebración dos seu centésimo aniversario, Alian Karlsson decide que nada diso vai con el. Vestido co seu mellor traxe e unhas pantuflas, empolícase a unha xanela e marcha da residencia de anciáns na que vive, deixando plantados ao alcalde e á prensa local. Sen saber onde ir, encamíñase á estación de autobuses.
Humor, aventura, nostalxia, e sobre todo vitalidade, para facernos entender que calquera idade e boa para ser novo e por suposto para viaxar.



lunes, 8 de octubre de 2012

O HOBBIT

A nosa primeira recomendación rapaces ten que ver cun clásico da literatura de aventuras: O Hobbit de Tolkien. O hobbit Bilbo Bulseiro gústalle a vida cómoda e tranquila do seu burato-hobbit, onde almorza, merenda e cea varias veces ó día. Pero a inesperada visita do mago Gandalf fai espertar no seu interior o espírito aventureiro dos seus devanceiros. Deste xeito ve trascadeada a súa vida cotiá e, sen saber moi ben como, emprende unha longa viaxe con trece ananos barbudos en dirección ás Montañas para recuperar un tesouro roubado polo dragón Smaug, esquecido hai moito tempo. 
Precuela do Señor dos Aneis a partir deste Nadal poderemos disfrutar das aventuras de Bilbo no cine. O texto será dividido en tres películas que serán estreadas consecutivamente a final de ano dende este 2012. Máis abaixo un avance.